Nin xubilación ós 67 nin contrarreforma laboral!
Baixo a presión da ditadura dos mercados, o goberno de Zapatero vén lanzando ataque tras ataque. Primeiro foi a conxelación das pensións e o recorte de soldo aos funcionarios. En segundo lugar, a reforma laboral, que supuxo abaratar o despedimento e deixar ao traballador aínda máis indefenso fronte ao patrón. E agora, coa chantaxe da Unión Europea e o capital financeiro, a elevación da idade de xubilación dos 65 aos 67 anos, aumentando o período de cotización e baixando a contía das pensións.
Estamos a asistir a gravísimos recortes en dereitos históricos arrincados polo movemento obreiro a través de anos de loita e sacrificios.O goberno e os empresarios esíxennos máis sacrificios, despois de entregar milleiros de millóns de euros á banca, a aqueles que puxeron os alicerces da crise fomentando o boom inmobiliario. Agora que a burbulla estoupoulles na cara, acoden correndo ao Estado para que salve os seus cuantiosos beneficios, botando man dos nosos impostos, do diñeiro público e do recorte dos nosos dereitos sociais para pagar as súas débedas.
Cando chega a hora de cobrar a factura, esta recae sobre os máis febles, os que non participaron desa febre do lucro desmedido, os traballadores. Con ese diñeiro, os executivos financeiros páganse as súas xubilacións desorbitadas, mentres nos esixen que traballemos máis tempo, porque só así poderemos cobrar as nosas modestas pensións. Os capitalistas levan a nacións enteiras á bancarrota, mentres os seus axentes políticos, os Gobernos da Unión Europea, acoden ao rescate armados de brutais plans de axuste debaixo do brazo.
En moitos países de Europa, a clase obreira tomou nota e saíu á rúa a manifestarse en contra destes ataques, en contra de ter que pagar a factura da crise. É o caso de Grecia, con nove folgas xerais; de Francia, con varias folgas contra a decisión de aumentar a idade de xubilación dos 60 aos 62 anos; de Italia e Reino Unido, onde os estudantes tomaron a dianteira do movemento ante as bestiais subidas de taxas universitarias; de Portugal, coa maior folga en 30 anos.
No Estado español, despois da reforma laboral, os sindicatos convocaron a folga xeral do 29-S, que tivo un seguimento moi importante en zonas crave. Foi un exemplo de que estabamos dispostos a loitar en defensa dos nosos dereitos, un aviso de que os ataques non se ían a aplicar sen loita. No canto de continuar apostando pola mobilización, as direccións de CCOO e UXT, despois de semanas de inactividade, lanzaron unha tímida campaña de recollida de sinaturas en contra da reforma laboral. No canto de dar unha imaxe de forza, lanzaron unha mensaxe de debilidade. Isto deu ás á burguesía, que presionou a Zapatero coa reforma das pensións, poñendo unha data límite para a súa aprobación, o 28 de xaneiro. Tras unhas rutinarias manifestacións en decembro as direccións de CCOO e UXT puxeron sobre a mesa a ameaza dunha nova folga xeral en xaneiro. Pero, cunha serie de reunións secretas polo medio, viraron a súa estratexia 180º, anunciando o 10 de xaneiro unha proposta de negociacións que levaría á sinatura dun pacto «global».
Dende entón, esta rolda de negociacións, na que predomina a escuridade, acompañada con esperpénticas filtracións (véxase o tema da enerxía nuclear) avanza baixo a espada de Damocles dos 67 anos, que o Goberno impuxo como liña vermella da que non se pode baixar. Por tanto, a cambio dalgunha migalla caída da mesa negociadora, os dirixentes de CCOO e UXT, nun exercicio de «responsabilidade de Estado», afastaron a pantasma dunha folga xeral.
Por iso, desde «Lucha de Clases» apoiamos a convocatoria que fixo a CIG este 27 de xaneiro. É unha iniciativa valente que, por desgraza, non secundaron as direccións de UXT e CCOO cunha folga estatal. A folga do 29-S foi moi seguida en Galicia, unha das zonas do Estado xunto con Cataluña, Murcia ou Zaragoza onde tivo máis incidencia, cunha paralización total dos centros industriais, e masivas manifestacións (en Vigo, máis de 120.000 manifestantes) Con todo, isto non nos debe facer pensar que a clase obreira galega soa pode resistir os recortes sociais. Só a extensión da loita conseguirá frear uns ataques que non distinguen barreiras nacionais e de idioma. Necesitamos unha estratexia, un plan de acción que leve a estender a mobilización, de empresa en empresa, de nación a nación.
A mellor forma de organizar a resistencia do movemento obreiro, reconquistar unha autoridade perdida entre sectores de traballadores por parte dos sindicatos e limitar futuros ataques, consiste en organizar a máis ampla resposta posible. Non cunha estratexia de loitas de desgaste sen fin concreto, senón cun plan consistente no que se propoña en primeiro lugar retomar os centros de traballo con actividade sindical permanente; reforzar ao conxunto do movemento obreiro con alianzas e frontes onde, xunto cos sindicatos estatais, marchen os sindicatos nacionalistas.
A falta dunha clara alternativa política que, en beneficio dos traballadores, desenvolva medidas para facer pagar a crise ás grandes empresas e bancos deste país, levou aos dirixentes de UXT e CC.OO. a aceptar de forma moi perigosa a estratexia da burguesía, cousa que esperamos ferventemente que rectifiquen canto antes. Hai que recuperar os sindicatos para os traballadores. Son as nosas armas para enfrontarnos aos ataques da burguesía
A falta de unidade é un dos lastres con que se atopa esta convocatoria. Os principais culpables son os dirixentes de CCOO e UXT, que se negaron a escoitar ás súas bases, e dividiron a resposta aos recortes co seu achegamento ao Goberno. A CIG debe dirixirse ás decenas de milleiros de afiliados de CCOO e UXT en Galicia para que presionen aos seus dirixentes coa convocatoria dunha folga estatal como un paso adiante nunha loita da que a mobilización de hoxe é un exemplo. Milleiros de traballadores de todo o Estado teñen os seus ollos postos en nós, mírannos con simpatía e agardan que esta folga sexa un éxito. Moitos deles están dispostos a saír á rúa e mobilizarse, a dar a batalla asemblea por asemblea para que as súas direccións avancen nesta liña.
Por todo iso, esta folga do 27 de xaneiro, e o debate que se xere ao redor dela, deben servir para promover unha maior confluencia futura do conxunto de organizacións do movemento obreiro. Sería unha traxedia que sucedese o contrario, que se vise a convocatoria do 27 de xaneiro como un fin en si mesma, o que levaría a choques innecesarios entre os propios traballadores.
“Lucha de clases” é nova publicación da Corrente Marxista Internacional no Estado Español, ó redor dela organizámonos mozos e traballadores marxistas co fin de promover as ideas do marxismo nas filas das organizacións da clase traballadora. Organízate connosco!
Puedes enviarnos tus comentarios y opiniones sobre este u otro artículo a: [email protected]
Para conocer más de la OCR, entra en este enlace
Si puedes hacer una donación para ayudarnos a mantener nuestra actividad pulsa aquí